// Encontro con JOSÉ QUINTA FERREIRA (ESMAD)

16 DIC.
11.00 h.
Casa das Campás

ESMAD / JOSÉ QUINTA FERREIRA

A ESMAD, Escola Superior de Media Artes e Design, ubicada entre as localidades de Póvoa do Varzim e Vila do Conde, no Campus 2 do Instituto Politécnico do Porto, é un centro de referencia no mapa universitario peninsular e europeo. Especializada nas áreas da comunicación audiovisual, deseño e media, esta escola revela que a interacción orgánica entre docencia, formación e investigación é a mellor vía para desenvolver e implementar proxectos que aspiran á excelencia e así mellorar o tecido socio-económico e cultural dun territorio.
Novos Cinemas convidou ao docente e Presidente do Consello Técnico-Científico da ESMAD, José Quinta Ferreira, para que comparta co noso auditorio as singularidades deste vangardista proxecto.


José Quinta Ferreira (1960, Covões-Cantanhede, Portugal) é licenciado en Cinema-Vídeo pola Escola Superior Artística do Porto, e graduado en Estudos Superiores Especializados de Comunicación Educativa Multimedia pola Escola Superior de Educación de Santarém. Tamén é especialista na área de Artes da Imaxe-Audiovisuais e Produción de Medios pola ESMAE, Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo do Instituto Politécnico do Porto. Na actualidade é Presidente do Consello Técnico-Científico da ESMAD, Escola Superior de Media Artes e Design, tamén vencellada ao Instituto Politécnico de Porto, e responsable da Especialización en Fotografía e Cinema Documental do Mestrado en Comunicación Audiovisual.
Profesor adxunto impartindo docencia nas áreas de Cinema e Produción e no Mestrado en Comunicación Audiovisual con Especialización en Fotografía e Cinema e Produción e Dirección de Documentais e Audiovisuais. Ao longo destes anos coordinou numeroso traballos de investigación e proxectos de fin de grao e foi xurado en diversas convocatorias do ICA, Instituto do Cinema e do Audiovisual, nas modalidades de Primeiras Longametraxes de Ficción e Escritura e Desenvolvemento de Obras Audiovisuais e Multimedia.