ENCONTROS

Se a formación, a exhibición e a interacción entre profesionais e cineastas e o público son indispensables para o desenvolvemento de Novos Cinemas, tamén o é xerar un foro que fomente e promova o diálogo sobre un sector que se revela estratéxico tanto desde o punto de vista cultural, como desde o punto de vista económico.

#Encontros aspira a ser un espazo de conversa permanente, unha zona franca na que os diferentes axentes implicados no eido cinematográfico poidan intercambiar experiencias e reflexionar sobre o estado e o futuro do cinema.

 


28 XUÑO //

 

16:00h | Casa da Luz

PRESENTACIÓN CADERNO ‘NOVO CINEMA GALEGO’

Presentación do caderno en torno ao Novo Cinema Galego escrito polo crítico Víctor paz e editado conxuntamente por Cinema 23 (México) e o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Na presentación, Víctor Paz estará acompañado polas cineastas Jaione Camborda e Anxos Fazáns.

 


 

20:30h | Casa da Luz

FLOP, CELEBRANDO O ORGULLO LGBTI

Presentación do ciclo ‘FLOP Cinema’ e da novela 22 segundos de Eva Mejuto.
Coa actuación musical de Canela Cafuné.

 




01 XULLO //

 

10:30h | Casa das Campás

NOVOS#PROXECTOS

Presentación dos novos proxectos de Diana Toucedo e Álvaro Fernández Pulpeiro. En primeira persoa, e partindo das súas propias imaxes, estes dous cineastas exporán as liñas do seu traballo ata a data para rematar agasallándonos con fragmentos das súas últimas longametraxes aínda inéditas.

Presentación 01: Diana Toucedo
Diana Toucedo é unha cineasta e reputada montadora galega afincada en Barcelona. Entre as súas obras como directora están a longametraxe documental En todas as mans, e as curtametraxes Imaxes secretas e Homes. Nesta sesión presentará un fragmento do seu último traballo, Puerto Deseado, un filme con alta carga persoal, aínda en proceso de posprodución.

Presentación 02: Álvaro Fernández Pulpeiro
Realizador, escritor e arquitecto, o galego Álvaro Fernández Pulpeiro cursou estudos na prestixiosa Architectural Association School of Architecture de Londres. No verán do 2014 filma no oeste de Texas un documental-poema chamado Sol Mihi Semper Lucet. Participante no primeiro #LAB de Novos Cinemas, está a ultimar a súa primeira longametraxe, Nocturno, un evocador filme arredor do porto de Montevideo e as súas xentes.

 


 

12:15h | Casa das Campás

MESA GALICIA PROFILME: ESCOLA E CINEMA

A mesa xirará ao redor da influencia da formación e os estudos especializados na aparición de novos cineastas e o tipo de obras que xorden dos diferentes entornos e referentes educativos.

Interveñen:
Gabriel Azorín (Hellín), cineasta (Los Mutantes, Colectivo Lacasinegra)
Xisela Franco (Vigo), cineasta e coordinadora do Máster de cinema da 35.ESAV
Nely Reguera (Barcelona), cineasta e docente (María y los demás, Cinema en Curso, ESCAC)
Sergi Moreno (Barcelona), produtor e docente (Lastor Media; Universitat Pompeu Fabra; Universitat Ramón Llull)

 


 

13:30h | Casa da Luz

VERMÚ CON CREA

Encontro informal entre cineastas e creadores, moderado por asociados de CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia), para falar sobre a auto-produción e auto-distribución no caso dos autores independentes.