encontros

Máis aló da exhibición e a descuberta de novos cineastas e novos filmes, Novos Cinemas aspira tamén a ser un espazo de intercambio de ideas e conversa permanente; un foro que fomente e promova o diálogo entre os diferentes axentes implicados no eido cinematográfico –espectadores, cineastas, programadores, docentes, etc.– e no que se poida intercambiar experiencias e reflexionar sobre o estado e o futuro do cinema.

Desta volta nos #Encontros achegarémonos aos procesos de traballo de dous cineastas do íntimo e compartiremos mesa con profesionais da educación e a programación.

Entrada libre ata completar aforo.


 

 

// ENCONTRO con ELÍAS SIMINIANI

12 Decembro | 10:00h. a 12:00h. | Casa das Campás

Os cinco anos transcorridos na produción de Apuntes para una película de atracos darían por si mesmos para unha serie das que agora mesmo nos asolagan desde as plataformas. O que non está tan claro é se esa serie debería ser ficción ou documental. Siminiani repasará algún dos avatares sucedidos e de como foi a propia vida a que, máis aló dos (inútiles) intentos de control por parte do cineasta, acabou ditando os puntos de xiro do documental presentado na Apertura da Edición 03 de Novos Cinemas.

 


 

 

// ENCONTRO con JAIONE CAMBORDA

14 Decembro | 10:00h. a 12:00h. | Casa das Campás

Instalada dende 2010 en Santiago de Compostela, Jaione Camborda ven desenvolvendo a súa faceta creativa en diferentes campos do cinema –escritura, dirección de arte, docencia–. Os seus traballos curtos con película de super 8 son recoñecidos polo seu singular achegamento ao matérico e aos límites do figurativo e á relación entre o humano e o animal. Á fronte da súa propia produtora, Esnatu Zinema, leva case unha década dando forma a Arima, a que será a súa primeira longametraxe.

 


 

// Mesa café Educación e Cinema

14 Decembro | 12:00h | Casa das Campás

Dous exemplos de tenacidade e paixón polo cinema a un e outro lado do Atlántico. Os convidados exporán as súas experiencias na procura de novas vías para a educación a través do cinema. Astorga impulsora do FICCO e o Distrital Festival entre outros proxectos; González, actuando dende a periferia, principalmente no ámbito escolar e a través da Chanfaina Lab, encontro que promove a interación entre cineastas e veciños no concello de San Sadurniño (A Coruña).

Interveñen:
Paula Astorga (México), cineasta e programadora.
Manolo González (Galicia), docente e programador.

 


 

// VERMÚ CON CREA 

14 Decembro | 13:30h | Casa da Luz

Encontro informal entre cineastas e creadores, moderado por asociados de CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia), no que se profundará na relación que se establece entre os festivais e o seu traballo.

 


 

// MESA FESTIVAIS DE CINEMA

15 Decembro | 12:00h | Casa das Campás

Na mesa abordarase o contexto dos pequenos festivais independentes como plataformas para a visibilización do cinema contemporáneo, e as sinerxias entre o eixo galaico-portugués.

Modera:
Beli Martínez (Galicia), produtora, programadora e docente.

Interveñen:
Pela del Álamo (Galicia), cineasta e director de Curtocircuito.
Cintia Gil (Portugal), directora do DocsLisboa.
Ángel Sánchez (Galicia), director de Play-Doc