encontros

Máis aló da descuberta e a promoción de novos cineastas e novos filmes, Novos Cinemas tamén aspira a ser un espazo de intercambio de ideas e conversa permanente; un foro que fomente e estimule o diálogo entre os diferentes axentes implicados no eido cinematográfico –espectadores, cineastas, programadores, docentes, etc.– e no que se poida intercambiar experiencias e reflexionar sobre o estado e o futuro do cinema.

#Encontros achegaranos aos procesos de traballo de dous cineastas. Por unha banda, coñeceremos o próximo proxecto dun dos cineastas galegos que máis expectativas esperta,  Andrés Goteira. Pola outra, manteremos un distendido faladoiro sobre o cinema de arquivo coa cineasta Nuria Giménez, autora dunha das obras máis engaiolantes do 2019, My Mexican Bretzel.  Unha mesa, moderada pola equipa do festival e na que participarán socios de PROXECTA e de CREA, completará a oferta desta quinta edición de Novos Cinemas.

Entrada de balde ata completar aforo. Preiscrición necesaria para asistencia presencial.

 


 

// ENCONTRO con ANDRÉS GOTEIRA
17 Decembro | 11:00h. a 12:30h. | Museo de Pontevedra

Acceso ao STREAMING en directo

Director, guionista e montador, Andrés Goteira é socio fundador da produtora Gaitafilmes. Tras dirixir varias curtametraxes realiza, xunto aos seus socios e amigos, a súa primeira longametraxe, Dhogs (2017), que gañou trece Premios Mestre Mateo e que se exhibiu en prestixiosos festivais internacionais como Sitges, Mórbido, D’A ou BIFFF.  Tras este  éxito, comeza a desenvolver o seu seguinte proxecto, Welcome To Ma maison, un documental en fase de postproducción. Paralelamente, traballa en dúas longametraxes de ficción Starmucks e Monstro.

Welcome To Ma Maison narra a historia de Igor Fernández, un actor que se afasta temporalmente da interpretación tras sufrir un colapso emocional. Tras este feito traumático, Igor comeza a escribir un libro sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía de Nicolas Winding Refn. O seu obxectivo non será perdurar a través das imaxes que latexan nunha pantalla, senón encontrarse co seu ídolo e escribir o capítulo final do seu libro. Andrés falará do seu método de traballo e presentará, en exclusiva, imaxes deste suxerente proxecto.

Preiscrición necesaria para asistencia presencial.

ENCONTRO ANDRÉS GOTEIRA





 


 

//ENCONTRO con NURIA GIMÉNEZ
18 Decembro | 12:00h. a 13:30h. | Museo de Pontevedra


Acceso ao STREAMING en directo

Nuria Giménez (Barcelona, 1976) estudou Xornalismo, Relacións Internacionais e Realización Documental. Viviu en Berlín, París e Londres. Realizou todo tipo de traballos, correspondente de prensa e de radio, enfermeira, extra en películas de terror, profesora, azafata, redactora, tradutora de libros, analista de prensa, realizadora de vídeos corporativos, produtora de eventos, etcétera. Kafeneio, a súa primeira curtametraxe documental, foi seleccionada en Documentamadrid 2017 e en  MIDBO 2017. My  Mexican  Bretzel é a súa primeira longametraxe.

Nun segundo encontro, aberto tamén ao público, Nuria Giménez reflexionará sobre  o seu mergullo nas sensoriais augas do cinema de arquivo. Unha experiencia na que conceptos como recontextualización e resignificación vertebran a espiña dorsal dunha das longametraxes máis singulares e hipnóticos do 2019, My Mexican Bretzel.

Preiscrición necesaria para asistencia presencial.

ENCONTRO NURIA GIMÉNEZ





 


 

// Mesa PROXECTA + CREA
19 Decembro | 12:00h a 13:30 | Museo de Pontevedra

Faladoiro moderado pola equipa do festival no que socios e representantes de PROXECTA (coordinadora galega de festivais cinematográficos e audiovisuais) e CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) compartirán as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas educativos e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo.

Preiscripción necesaria.

ENCONTRO MESA PROXECTA + CREA