O creador Adrián Canoura impartirá o obradoiro de Novos Cinemas para alumnado da Universidade de Vigo

Novos Cinemas – Festival de Cinema Internacional de Pontevedra continuará na súa sexta edición coa súa clara aposta pola formación audiovisual para todas as idades a través do programa #AULA. Este ano será o cineasta Adrián Canoura o que impartirá un obradoiro dirixido ao alumnado campus de Pontevedra da Universidade de Vigo que levará por nome “VIDEOHIPNOSE. EXPERIMENTAR CO CINEMA NA ERA DIXITAL” e se desenvolverá en varias sesións nos próximos meses. Os asistentes ao obradoiro, que poderán inscribirse ata o próximo día 25 de setembro, achegaranse nel a un medio, a unha linguaxe, a unha forma de facer cinema desde a mestura de elementos artísticos máis cercanos á poesía que á prosa, no que podemos denominar cinema experimental ou cinema expandido.

Adrián Canoura é un cineasta e videoartista que conta con creacións que van desde o videoclip, películas, deseños, performance ata proxectos ligados á creación en directo con grupos como Guerrera, Nistra ou recentemente Baiuca. O seu traballo toma diferentes formas, desde proxectos híbridos entre o documental e a ficción ou aproximacións máis experimentais á antropoloxía máis mística de mundos que desaparecen.

Unha das claves para aproximación do traballo do obradoiro será cuestionar ou poñer en valor a liberdade creativa do autor, precisamente nun tempo no que a liberdade individual está quedando en cuestión, a través dunha serie de condicionantes que traben ou expandan as posibilidades de creación. Como ben se pode ver na película Cinco condicións (De fem benspaend, 2003) do director danés Lars Von Trier, no que compromete a un dos seus mentores a revisionar un dos seus filmes baixo unha serie de condicións que o fai repensar a historia e utilizar diferentes formatos e levar ao límite a súa creatividade.

O luns 27 de setembro farase pública a lista de seleccionados e seleccionadas e o 1 de
outubro terá lugar a primeira sesión dun taller que busca tamén ser “unha contorna de natureza colaborativa”, na que as creacións de cada participante poidan enriquecerse grazas á “colaboración e intercambio de opinións” co resto do alumnado, destaca Suso Novás, director artístico do festival. Os resultados finais exhibiranse o 14 de decembro, na xornada inaugural da sexta edición de Novos Cinemas.

CATEGORÍAS