CORRENTES

#AULA CREAS2i é a liña formativa destinada ao alumnado universitario. O noso obxectivo é desenvolver unha programación que estableza sinerxias co programa de excelencia CREAS2i: unha proposta do campus pontevedrés que conxuga o rigor no eido investigador, o fomento da creatividade e a innovación e a transferencia de coñecemento.
O equipo de Novos Cinemas participou desta iniciativa con Correntes, un obradoiro que aspiraba a combinar a liña editorial de Novos Cinemas e os ítems que definen o espírito CREAS2i. Correntes foi deseñado, dirixido e impartido por un cineasta galego de recoñecemento internacional, Oliver Laxe.
Durante os meses de abril, maio e xuño o cineasta titorizou a dez alumnos do campus de Pontevedra coa finalidade de que o seus proxectos audiovisuais reflectisen as relacións que se establecen entre o río
Lérez e a figura humana: totalmente indisociable desa paisaxe e desa contorna.


//CORRENTES

Impartido por Oliver Laxe

27 Xuño | 18:00h | Teatro Principal | Entrada de balde ata completar aforo

 

A mirada dualista e disociada da sociedade moderna percibe –e polo tanto conceptúa– o mundo separando contido de forma, corpo de alma, home de natureza.
Transcender eses dualismos, transcender as fallas da modernidade… se a arte ten obxectivos ou fins, este é posiblemente un dos máis salientables.
Entre os participantes deste obradoiro e un servidor apenas hai quince anos de diferencia. A pesar diso, compartimos moitos dos males do home moderno, esa división interna, a nosa separación da Natureza.
A carón do río Lérez, sabio espello, fomos plenamente conscientes dista escisión. E alí tamén percibimos que non se precisa moito para volver a sentir esa unión primixenia.
O ser humano é o centro da maior parte das obras desenvolvidas neste obradoiro. Moitos dos cineastas escolleron retratar aos seus amigos na contorna do río Lérez. Bo sinal, tendo en conta o escapismo que denotan algunhas prácticas cinematográficas contemporáneas. Todas as pezas son un fiel reflexo dunha xeración, dunha época, de momentos que non volverán suceder.

Oliver Laxe