CLASE MAXISTRAL MANUEL ASÍN

Manuel Asín fálanos de Barbara Loden

 

15 Decembro | 16:30h | Teatro Principal

.

Wanda é A primeira e única longametraxe de Barbara Loden, que tiña trinta e oito anos cando a terminou e que morreu dez anos despois mentres preparaba unha nova película.

Antes de Wanda, Barbara traballara como modelo, bailarina, e actriz de teatro e televisión. En cinema, ademais de na súa propia película só actuou nas do seu segundo marido, Elia Kazan. Cóntanos ela mesma o que era chegar a Nova York aos dezaseis anos, sen nada no peto, escapando dun pobo feo e pobre de Carolina do Norte: «Pasaba cada día camiñando e camiñando, sen realmente saber o que ía facer».
Para a película, Barbara tomou un detalle que lle chamou a atención nunha noticia de xornal: o caso unha muller que axudara a un atracador de bancos e deu as grazas ao xuíz que a enviaba ao cárcere. A película é unha impugnación das condicións que fan verosímil que unha muller poida chegar a agradecer algo así.

Barbara Loden pasou con Kazan case a metade da súa vida, aínda que ao final quixo separarse. O diagnóstico do cancro de peito do que morrería dous anos máis tarde interrompeu os trámites de divorcio. Kazan escribiu nas súas memorias que el tamén quería separarse, porque Barbara desatendera a casa tras a súa primeira experiencia como cineasta e el era un home tradicional.

Ao presentar Wanda nunha sección do festival titulada Por Primeira ou Última Vez propoño que pensemos no que facer esta película significou para a súa autora. O que pode supoñer nunhas circunstancias moi concretas —as da vida e traballos dunha cineasta como Barbara Loden— chegar a facer unha primeira película que foi tamén a última.


Manuel Asín es coordinador da área de cinema do Círculo de BelLas Artes de Madrid. Programou ciclos para Filmoteca Española, MNCARS, Xcèntric, Tabakalera, Festival de Sevilla, Instituto Moreira Salles, etc. Publicou artigos en revistas como Blogs & Docs, Trafic ou Caimán Cuadernos de cine, onde é membro do consello de redacción. É autor dos prólogos e a edición de dous libros en torno ao cinema de Jean- Marie Straub e Danièle Huillet: Escritos (2011) e Hacer la revolución es también volver a colocar en su sitio cosas muy antiguas pero olvidadas (2016). Parte do equipo docente de Elías Querejeta Zine Eskola (San Sebastián) e Master LAV (Madrid). Foi director da distribuidora e editorial de libros e DVDs Intermedio (2011-2015).