A cineasta María Pérez Sanz será a protagonista do foco desta edición de Novos Cinemas

Novos Cinemas, que se celebrará entre os próximos 14 e 19 de decembro, dedicaralle por primeira vez en España un foco á directora e guionista María Pérez Sanz (Cáceres, 1984). O cuestionamento e a exploración son os eixos sobre os que gravita a produción cinematográfica e audiovisual da cineasta.

O festival exhibirá as súas obras Ejercicio 2 (2015), Ejercicio 3 (2013), os videoclips feitos para Tulsa Yo no nací así (2021) e Autoretrato (2021), e as súas dúas primeiras longametraxes: Malpartida Fluxus Village (2015), onde presenta unha tentativa de bosquexo dende o comunitario cara o singular; e Karen (2020), onde recrea algunhas escenas da vida da escritora Isak Dinesen, interpretada pola cantante Christina Rosenvinge.

Desde moi nova, María Pérez Sanz escribe e dirixe curtametraxes exhibidas e premiadas en numerosos festivais e museos de todo o mundo. Estivo presente na VIII edición do Berlinale Talent Campus e na VIII edición do Short Film Corner do Festival de Cannes. En 2015 gañou o Gran Premio do Xurado á Mellor Película no Jameson Notodofilmfest coa curtametraxe Ejercicio 2: Ficción. A súa primeira longametraxe, Malpartida Fluxus Village, cinta dedicada ao artista alemán Wolf Vostell e ao seu Museo Fluxus na pequena localidade extremeña de Malpartida de Cáceres, percorreu máis de 30 festivais internacionais e obtivo importantes premios como o Premio do Público ao Mellor Documental en ALCANCES 2015, o Premio á Mejor Película no FILAF 2016 (Perpignan) ou o Avuelapluma Film Award 2016. María foi destacada como novo talento emerxente pola revista Variety.

CATEGORÍAS