#aula+novos // naclase

O contexto que vivimos, tan inusual como indesexado, non permitiu que Na Clase achegase o cinema aos hábitats da docencia e a aprendizaxe: as aulas dos centros de ensino.

Por este motivo, e coa firme intención de paliar este déficit, o equipo formativo do festival deseñou unha programación, adaptada aos diveros ciclos educativos (educación infantil, educación primaria, ESO), que pode ser implementada nas aulas polos equipos docentes dos diversos centros de ensino que colaboran con nós. As actividades que compoñen esta programación vencéllanse aos inicios da historia do cinema, en concreto a un período coñecido como pre-cinema: unha época na que as investigacións sobre a percepción visual, a locomoción e a  obsesión compulsiva pola representación ilusoria do movemento fixeron posible o futuro nacemento do cinema.

Combinando a divulgación de contidos e conceptos,  a interacción directa co obxecto de estudo e o divertimento, con esta proposta aspiramos a xerar o marco necesario para que o alumnado coñeza e goce dunha etapa, tan científica como máxica, sen a cal sería imposible comprender a xénese e posterior desenvolvemento do cinema como arte e medio de comunicación.