#AULACREAS2i // obradoiro con oliver laxe

#AULA CREAS2i centrará seus esforzos na formación do estudantado universitario cun programa formativo en colaboración co programa de excelencia académica do campus de Pontevedra CREAS2i, orientado ao fomento da creatividade e a transferencia de coñecemento.

#AULA CREAS2i nace coa presentación dun obradoiro cuxo contido e temática está directamente relacionado coa liña editorial do festival. Os obradoiros representan a vertente práctica do noso programa formativo.

// OBRADOIRO OLIVER LAXE

Oliver Laxe recolle a herdanza de Lois Patiño –docente do primeiro obradoiro na Edición 01– e impartirá un obradoiro para o alumnado do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. O obradoiro formativo que levará o nome de “CORRENTES”, estará en todo momento supervisado e titorizado polo cineasta galego de amplo recoñecemento internacional cuxo último filme, “Mimosas”, foi galardoado co gran premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes. As sesións se desenvolverán nos días 04 de abril, 05 de maio, e 12 de xuño en horario de mañá e tarde.

“CORRENTES” céntrase tamén na contorna do río Lérez, mais esta vez para reflexionar e insistir na eterna relación entre o río e a figura humana, concebida esta como unha parte indivisible e esencial desa paisaxe. Deste xeito preténdese facer que os futuros realizadores e realizadoras se acheguen ao cinema como unha ferramenta de descuberta, apostando por unha praxe cinematográfica e poética e fomentar o desenvolvemento de procesos creativos orgánicos.