#AULACAMPUS

OBRADOIRO CON JAIONE CAMBORDA

10 Decembro | 17:00h. | Teatro | Gratuíto

 

Neste taller o retrato colle a forma de lugar de encontro entre o cineasta e o observado. Achegarse,  tensar, respectar, invadir, dilatar, contraer, respirar, tremer, celebrar…, o cinema como materia viva que expresa o xesto do autor e a súa relación co filmado.

Neste exercicio de evidenciar a mirada os alumnos abríronse ao dialogo durante o proceso de creación das súas pezas. Todos eles nutríronse dos procesos fílmicos dos seus compañeiros e compartiron preguntas e cuestionamentos. Este momento de apertura e fraxilidade serviu para tomar conciencia sobre as decisións éticas e estéticas do alumnado nas súas propostas.

Os alumnos buscaron a narrativa desde elementos máis formalistas que beben do cinema de autor documental e do experimental explorando o xesto cinematográfico e a pegada da mirada.

Preguntas e máis preguntas. Hoxe máis que nunca é necesario reflexionar sobre a relación do suxeito coa imaxe.

 

Jaione Camborda (Donostia/San Sebastián, 1983) é unha das pesonalidades máis salientables do cinema galego contemporáneo. Tras rematar os seus estudos cinematográficos na prestixiosa Escola de Cinema de Praga (FAMU) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF) trasládase a Galiza, onde funda Esnatu Zinema, a produtora cinematográfica coa que desenvolve un reputado traballo como directora de pezas experimentais rodadas en celuloide. Nestes proxectos opta polo Super 8, pois confía na tanto materialidade do formato como nas posibilidades estético-líricas que este lle ofrece. Partindo dun enfoque etnográfico, a súa obra reflexiona sobre a relación do ser humano co animal, sobre a violencia e sobre o atavismo.

Camborda colabora como guionista e directora de arte en numerosos filmes como Los fenómenos (2014), Las altas presiones (2015) ou Tempo vertical (2017), entre outros e realizou as cabeceiras da Edición 12 do festival Punto de Vista e da Edición 02 de Novos Cinemas. Neste mesmo ano produce, escribe e dirixe a súa primeira longametraxe, Arima, filme inaugural desta de edición de Novos Cinemas.