#Aula+novos // naclase

Por segundo ano consecutivo e ao longo do curso escolar, Novos Cinemas achegou o cinema ao espazo da aprendizaxe e a docencia con Na Clase.

O equipo do festival propuxo unha serie de actividades relacionadas cos inicios da historia do cinema. Fixamos a nosa atención no pre-cinema: esa época na que as investigacións sobre a locomoción, a percepción visual, e a obsesión pola representación ilusoria do movemento fixeron posible o nacemento do cinema.

Combinando a divulgación de contidos e conceptos ca interacción directa co obxecto de estudo, xeramos o marco necesario para que o alumnado coñecese unha etapa sen a cal sería imposible comprender a xénese e posterior desenvolvemento do cinema como arte.

Tres centros de ensino –dous da nosa cidade e un do veciño concello de Marín– compartiron esta experiencia con nós. Agradecemos ás direccións dos centros educativos EEI Concepción Crespo Rivas (6º de infantil), CEIP San Benito de Lérez (5º e 6º de primaria), CEIP do Carballal (5º e 6º de primaria), e ao seu corpo docente a dispoñibilidade e colaboración no desenvolvemento das actividades.