Así foi a cuarta edición de Novos Cinemas

Máis de 2.600 persoas asistiron como público ao festival Novos Cinemas na súa última edición, o pasado mes de decembro, para participar nalgunha das súas actividades. 

Se o audiovisual galego xa se presentaba como un dos claros protagonistas da programación do festival, o público foi quen o confirmou finalmente, sendo varias das actividades que xiraron arredor de creadores e creadoras do país as máis multitudinarias. As proxeccións de Arima (Jaione Camborda), Longa noite (Eloy Enciso), varias curtametraxes do cineasta David Fidalgo, e as presentacións das primeiras imaxes de Eles transportan a morte (Helena Girón e Samuel Delgado), de Ons (Alfonso Zarauza) e do proxecto Cinegalicia 2019 foron quen de xuntar a a máis de 1.000 persoas.

O festival continuou tamén a actuar lugar clave para a xuntanza, xerando alianzas e tendendo pontes entre diversos profesionais do sector de cara a futuros comúns. Para isto, artelláronse varios puntos de encontro:

  • Unha nova edición do LAB, o espazo a través do que se promove o desenvolvemento de proxectos cinematográficos internacionais mediante o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria e sensibilidade cara a propostas de natureza independente. Nesta cuarta edición, Pamela Biénzobas, Virginia García del Pino, Alfonso Zarauza e Gemma Vidal asesoraron os proxectos de Cordelia Alegre (La Unión), Pablo García Canga (¿Cuándo aterrizarás?), Carlos Martínez Peñalver (Serra da Estrela) e Ingrid Pokropek (Los cuadernos del perro).
  • Mesa Desenvolvemento de proxectos na que Gemma Vidal (España), La Incubadora, The Screen (ECAM) + Pamela Biénzobas (Chile), Abycine Lanza (Festival Abycine) + Mar Varela (Galicia), I+P Ideas para producir (Cluster Audiovisual Galego) presentaron algúns dos programas de desenvolvemento de longametraxes dirixidos a autores noveis máis interesantes do panorama independente nacional. 
  • Mesa arredor da inclusión de programas educativos en festivais de cinema en colaboración con Proxecta, na que Álvaro Dosil (Curtocircuíto), Marcos Nine (Cinema Crianza) e José Luis Cienfuegos (Festival de Cine Europeo de Sevilla) compartiron as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas para crianzas e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo.

Alén disto, o cineasta belga Bas Devos visitou Pontevedra para estar presente no primeiro foco arredor da súa obra que se celebraba en España e introducir os seus filmes Hellhole, Violet eGhost Tropic, que Novos Cinemas estreou no noso país. Tamén se encontraron co público asistente ao festival varios creadores e creadoras pertencentes ás seccións competitivas da programación: Maya Kosa e Sergio Da Costa (L’Ille aux oiseaux), Diana Santamaría (Ne croyez sourtout pas que je hurle), Thomas Matthews (Lost holiday), Ione Atenea (Enero), Silvia Navarro Martín, Miguel G. Morales (De los nombres de las cabras), Jorge Suárez (La educación sentimental) ou Adrián García Prado (Actos de primavera).

Ademais, os novísimos creadores e creadoras Roberto Alonso, Raquel Álvarez, Lara e Noa Castro, Noemi Parga Iglesias, Ana Pérez Valdés, Andrea Piñeiro, Carmen Quintáns, Yuri Salgado, Sabela Souto e Mercedes Valero tamén formaron parte desta edición de Novos Cinemas para levar a cabo durante o festival as súas primeiras obras dentro do obradoiro Habitar un rostro/O xesto dun encontro, titorizados por Jaione Camborda nos meses previos á celebración do festival. Pero esta non foi a única formación audiovisual do festival, Novos Cinemas e a ECAM (Escuela de Cine y el Audiovisual de la Comunidad Madrid) iniciaron nesta última edición unha vía de colaboración a través da que se levou a cabo un taller teórico-práctico impartido polo reputado director de fotografía Santiago Racaj, colaborador habitual de cineastas como Javier Rebollo, Jonás Trueba, Carla Simón ou Fernando Franco.

A escolla do xurado

O Xurado Internacional da Edición 04 de Novos Cinemas, formado por Lucero Garzón, Misha Bies Golas e Carlos Reviriego, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgou o Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial a NE CROYEZ SURTOUT PAS QUE JE HURLE, de Frank Beauvais. O Xurado Novo, formado por Daniel Arana, Miriam Caminero, Sara López, Carmen María Pastoriza e Lara Castro, concedeulle o Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial a CARLOS CONCEIÇAO por Serpentàrio e unha mención a Mark Jenkin por BAIT, filme que tamén se fixo co Premio do PÚBLICO. Alberto Lechuga, Carlota Moseguí e Daniel de Partearroyo -o Xurado da Crítica do festival-, destacou o filme LAS FACULTADES, de Eloisa Solaas, e o Xurado de Latexos formado por Manuel Asín, Ramiro Ledo e Albert Triviño, concedeulle o seu premio a DE LOS NOMBRES DE LAS CABRAS, de Silvia Navarro e Miguel Morales, destacando tamén o gran valor artístico das cinco películas en competición dentro desta sección.

CATEGORÍAS