‘Arima’, a primeira longametraxe de Jaione Camborda, poderá verse en Galicia inaugurando Novos Cinemas

A cuarta edición de Novos Cinemas – Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre o 10 e o 15 de decembro, acollerá no seu acto inaugural a proxección de Arima, a primeira longametraxe de Jaione Camborda, da que xa ofrecera un pequeno adianto na sección Encontros da pasada edición do festival. A cineasta, ligada a Novos Cinemas dende o nacemento do evento, foi tamén a creadora da cabeceira do festival no 2017 (ver AQUÍ) e, na actualidade, lidera a formación “Habitar un rostro / O xesto dun encontro”, que Novos Cinemas organiza xunto á Universidade de Vigo e na que explora xunto a creadores e creadoras en proceso de formación “a idea de relato na súa acepción máis ampla”.

O próximo 10 de decembro e abrindo esta cuarta edición de Novos Cinemas, o público poderá gozar de Arima, un filme que narra a historia historia de catro mulleres e unha nena que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles foxe do outro, escondéndose polo pobo como un ser escurridizo, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida as mulleres. Todo iso moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.

ARIMA (2019)
Duración _ 77 min
Idioma _ Galego
Nacionalidade _ Española
Dirección e guión: Jaione Camborda
Fotografía: Alberte Branco
Montaxe: Marcos Flórez
Intérpretes: Melania Cruz, Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Tito Asorey, Iria Parada, Mabel Rivera.
Compañía produtora: Esnatu Zinema

CATEGORÍAS