36 LECCIÓNS DE CINEMA

#AULA ABERTA é o espazo dirixido á poboación adulta interesada na instancia cinematográfica. Un punto de encontro idóneo para que os profesionais do cinema e a cidadanía poidan interactuar e compartir experiencias e coñecemento.

Como complemento á retrospectiva que Novos Cinemas lle adica a Matías Piñeiro, o cineasta arxentino e docente no Pratt Institute de Brookyn, compartirá cos participantes algunhas das claves do seu traballo e da súa formación cinéfila ao longo de dúas xornadas no seminario 36 Leccións de Cinema.

O prazo de inscrición comezará o 1 de xuño e estará aberto até o 28 de xuño ou até que se cubran as prazas.

Para formalizar a inscrición e pagamento deberán dirixirse ao enlace: https://culturxest.uvigo.es/WebCulturaUVigo/actividades/datos.jsp?idActividad=1222


 

36 LECCIÓNS DE CINEMA

Impartido por Matías Piñeiro

29, 30 Xuño | 10:00h-14:00h | Facultade de Belas Artes | Previa inscrición

 

O primeiro contacto dunha persoa co cinema adoita ser común a todos: sentados ante unha pantalla expoñémonos durante máis ou menos minutos a imaxes e sons que compoñen unha obra que nos interpela. Desta experiencia, algúns saen indemnes. Pero para outros, ese momento é o comezo de algo maior.

Curiosos sobre as posibilidades desta maquinaria, interrogámonos sobre o seu funcionamento. Fronte á pregunta de que é o cinema, cada película ten unha resposta particular. E se volvemos ver unha e outra vez unha mesma película é porque tentamos achegarnos cada vez á iluminación que poida dicirnos algo máis da relación entre o mundo, o medio e nós.

Comezando por ver, algúns vólvense cineastas. Así a cinefilia devén en escola e proxecta cara á realización.

36 Leccións de Cinema ten como obxectivo trazar un percorrido por trinta e seis reflexións baseadas en casos concretos extraídos de películas e directores de cinema de todas as épocas. A lista de autores é necesariamente ampla: Alfred Hitchcock, James Benning, Michelangelo Antonioni, Rainer Werner Fassbinder, Apichatpong Weerasethakul, Josef von Sternberg, Jonas Mekas, Yasujiro Ozu, Ernst Lubitsch, Tsai Ming Liang, Jean-Marie Straub, Danièle Huillet, entre outros. Cada un deles estará atravesado por un único tema, a modo de buscar certa precisión que problematice aquilo que xa sabemos sobre o punto de vista, a cor, os sistemas de produción, o silencio, o actor, o ton, a economía, a palabra, o corte, o encadre e a duración, por mencionar só algúns.

Lonxe de querer ofrecer un manual de solucións, estas leccións preséntanse como unha constelación de estímulos que conforman o retrato da miña cinefilia, os compañeiros da miña procura e a esperanza de ser o incentivo cara á práctica cinematográfica doutros e novos cineastas.