36 LECCIÓNS DE CINEMA, SEMINARIO IMPARTIDO POR MATÍAS PIÑEIRO

A edición 02 de Novos Cinemas complementará a súa programación co seminario 36 leccións de cinema, impartido polo cineasta porteño Matías Piñeiro, referente indiscutible do Nuevo Cine Argentino.

Nado en Bos Aires en 1982, Matías Piñeiro estudou na Universidade do Cinema, onde posteriormente ensinaría dirección, guión e historia do cinema. En 2011 trasladouse a Estados Unidos como bolseiro do Instituto Radcliffe da Universidade de Harvard. Actualmente ensina dirección cinematográfica no PrattInstitute en Brooklyn (Nova York) mentres desenvolve a curtametraxe Porcia e a longametraxe Ariel –co-dirixida co cineasta galego Lois Patiño–, quinta e sexta entregas da súa serie Las Shakespeareadas sobre os roles femininos nas comedias de William Shakespeare.

36 Leccións de Cinema ten como obxectivo trazar un percorrido por trinta e seis reflexións baseadas en casos concretos extraídos de películas e directores de cinema de todas as épocas. A lista de autores é necesariamente ampla: Alfred Hitchcock, James Benning, Michelangelo Antonioni, Rainer Werner Fassbinder, Apichatpong Weerasethakul, Josef von Sternberg, Jonas Mekas, Yasujiro Ozu, Ernst Lubitsch, Tsai Ming Liang, Jean-Marie Straub, Danièle Huillet, entre outros.

Lonxe de querer ofrecer un manual de solucións, estas leccións preséntanse como unha constelación de estímulos que conforman o retrato da cinefilia de Matías Piñeiro, os compañeiros da súa procura e a esperanza de ser o incentivo cara á práctica cinematográfica doutros e novos cineastas.

O curso celebrarase na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, os días 29 e 30 de xuño, en horario de 10:00h. a 14:00h. O prazo de inscrición comezará o 1 de xuño e estará aberto até o 28 de xuño ou até que se cubran as prazas.

Para formalizar a inscrición e pagamento deberán dirixirse ao enlace https://culturxest.uvigo.es/WebCulturaUVigo/actividades/datos.jsp?idActividad=1222

CATEGORÍAS