
ÁLVARO GAGO
Estudou Comunicación Audiovisual e Música en Pontevedra, Drama en Chicago e Dirección de Cinema na London Film School, onde se licenciou en 2013 coa curtametraxe Curricán, Premio ao Mellor Director en Curtocircuito. Estableceuse como director e montador en Londres mentres ensinaba na Young Film School e organizaba o Galician Film Forum.
No 2017 dirixiu a curtametraxe Matria, nomeada ao Goya de 2019, que gañou máis de setenta premios, incluído o Gran Premio do Xurado de Sundance 2018. Ese ano editou Trote (Xacio Baño), estreada mundialmente no Festival de Cinema de Locarno 2018 e In memoriam (Marcos Merino), que se estreou no Festival Europeo de Sevilla 2018 recollendo o galardón á Mellor Película Española na categoría de No Ficción Las Nuevas Olas.
A súa curtametraxe 16 de decembro, estreouse no Festival de Cinema de Locarno 2019. Acaba de rodar a súa primeira longametraxe titulada, Matria, producida por Avalon P. C., Matriuska Produccións e Ringo Media. O proxecto, que se desenvolveu no Toronto IFF e no MFI Script Lab, recibiu o apoio do ICAA, Agadic, Movistar +, The Screen e CRTVG.

CORA VELASCO
Actriz e música. Estuda interpretación no Estudio Corazza. Actriz na curtametraxe Madrid, drawings… presentado no Festival de Cannes 2014, forma parte da compañía de teatro Baobab e e ten varios proxectos audiovisuais na recámara.
Compositora, guitarrista e cantante, xira por Europa e publica os álbumes Origen (2014), I´m Home (2016) e Sandoval, 4 (2017). O seu derradeiro traballo, Sortilegios (2018), presentouse nas principais salas e festivais da Galiza.

Inês Lima
Inês Lima é unha realizadora, guionista, montadora e programadora nacida en Portugal. Inês graduouse na Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa e cursou o máster de realización na Elías Querejeta Zine Eskola, en San Sebastián.
De madrugada (2017), a súa primeira curtametraxe, estivo presente no festival de San Sebastián, IndieLisboa, Curtas Vila do Conde, Rencontres Internationales París/ Berlín, Reykjavik IFF, e gañou o Premio do Xurado na Competición de Filmes de Estudantes no Nara IFF; o premio PERANSI á Mellor Cineasta Nova no Arkipel IDEFF, e unha Mención de Honor na Sección Cinema Novo en Porto/Post/Doc.
O seu último filme, A Casa do Norte, estreouse no festival Curtas Vila do Conde en 2021 e actualmente está en distribución. Desde o ano 2019 traballa como programadora cinematográfica no IndieLisboa.