POR PRIMEIRA OU ULTIMA VEZ

Películas que resplandecen como cometas na noite. Cineastas á busca dos seus propios límites coa paixón e intensidade do “agora ou nunca”. Por primeira ou última vez –sección baixo o influxo permanente de Nick Ray, o máis fulgurante dos cineastas– propón unha celebración do cinema alleo a toda actualidade, volvendo visitar aquelas películas feitas de raros e preciosos momentos nos que os cineastas, ben sexa por arroxo ou mera necesidade, lograron que as súas imaxes brillasen como só poden facelo as primeiras e últimas veces.

Nesta ocasión, o crítico e programador Jaime Pena Pérez escolleu Contactos (1970), primeira longametraxe do cineasta e investigador cinematográfico cántabro Paulino Viota, un dos máis insignes expoñentes do cinema disidente español. Da man de Jaime Pena, descubriremos por que Contactos é un dos fitos estéticos e ideolóxicos do cinema español dos anos setenta. Sesión programada coa colaboración da Filmoteca española.