FOCO: MARÍA PÉREZ SANZ

María Pérez Sanz é, sen dúbida algunha, unha das cineastas máis imaxinativas e inquedas do cinema español contemporáneo, así o reflicte o feito de ser nomeada talento a seguir pola revista Variety no 2020. Autora de seis curtametraxes e de dúas longametraxes cuxa recepción tanto no circuíto de festivais coma na esfera da prensa especializada é máis que notable, María compartirá con nós a súa visión da arte e os seus procesos de ideación e creación cinematográfica. Novos Cinemas programa o primero foco dedicado á obra da realizadora e guionista extremeña con raigames guardesas, incluíndo a súa última e premiada longametraxe, Karen.


A directora e guionista María Pérez Sanz nace en Cáceres en 1984. Desde moi nova escribe e dirixe curtametraxes exhibidas e premiadas en numerosos festivais e museos de todo o mundo. Estivo presente na VIII edición do Berlinale Talent Campus e na VIII edición do Short Film Corner do Festival de Cannes. En 2015 gañou o Gran Premio do Xurado á Mellor Película no Jameson Notodofilmfest coa curtametraxe Ejercicio 2: Ficción. A súa primeira longametraxe, Malpartida Fluxus Village, cinta dedicada ao artista alemán Wolf Vostell e ao seu Museo Fluxus na pequena localidade extremeña de Malpartida de Cáceres, percorreu máis de 30 festivais internacionais e obtivo importantes premios como o Premio do Público ao Mellor Documental en ALCANCES 2015, o Premio á Mejor Película no FILAF 2016 (Perpignan) ou o Avuelapluma Film Award 2016. María foi destacada como novo talento emerxente pola revista Variety. Karen é a súa segunda longametraxe.