Contacto (Paulino Viota), a masterclass by Jaime pena

18 Dec.

17.00 h.

Teatro Principal

O subtítulo de Contactos (1970), Mayo 1970, ancora a primeira película de Paulino Viota nunha época moi concreta: a España que se encamiña cara ao final do franquismo. Rodada sen ningún permiso administrativo, nunha sorte de clandestinidade que lembra á dos seus protagonistas, o seu rigor formal (33 planos-secuencia, catro únicas localizacións) parece tamén unha consecuencia dos seus rituais: os segredos, os misterios das relacións, a ambigüidade de certos actos que se relatan pero que non vemos. Todo parece conducir a unha trama política que, con todo, queda soterrada polas actividades cotiás, polos problemas laborais, polas relacións amorosas. Profundamente influída polo cinema de Yasujiro Ozu e Jean-Marie Straub, polas obras escultóricas de Jorge Oteiza e as teorías de Noël Burch, Contactos é unha película sobre o baleiro e o tempo, a insolente e arriscada puñada na mesa dun mozo cineasta de apenas 22 anos.

Falando de Umbracle (1972), dicía Santos Zunzunegui, coguionista xunto a Javier Vega de Contactos, que a película de Pere Portabella recorría a “unha estrutura que conforma unha paisaxe imaxinaria na que, mediante o sistemático uso de procedementos metonímicos (ben diferentes da tendencia á metaforización de certo cinema español ‘comprometido’), queda impresa a pegada dun presente do que se pon en escena o envés oculto.” Estas palabras serían válidas igualmente para outra película de Portabella, Vampir Cuadecuc (1971), mesmo tamén para El espíritu de la colmena (Víctor Erice, 1973) e, antes de todas, para a opera prima de Paulino Viota que inaugura esta tendencia que retrata unha España antifranquista e subterránea, en sintonía co mellor cinema político europeo deses anos.

Licenciado en Xeografía e Historia e Programador Xefe do CGAI/Filmoteca de Galicia desde o ano 1992. Conferenciante e docente en diversas institucións nacionais e internacionais, publicou artigos en revistas como Vértigo, Grial, Archivos de la Filmoteca, Journal of Film Preservation, Letras de Cine, Secuencias o El Amante, e colaborou en publicacións sobre cine español como o Diccionario del cine español (1998) ou a Antología crítica del cine español (1998). É un dos coordinadores do Dicionario do Cine en Galicia (2002) e do Dicionario do Audiovisual Galego (2003). Ademais de numerosas colaboracións en publicacións colectivas, Jaime é autor de El espíritu de la colmena (2004), premio da Asociación Española de Historiadores de Cine Á Mellor Monografía do Ano, Historias extraordinarias: nuevo cine argentino, 1999-2008 (2009) o El cine después de Auschwitz. Representaciones de la ausencia en el cine moderno y contemporáneo (2020).