A cineasta Jaione Camborda impartirá un obradoiro para alumnado da Universidade de Vigo da man de Novos Cinemas

En Novos Cinemas continuaremos na nosa cuarta edición coa nosa clara aposta pola formación audiovisual para todas as idades a través do programa #AULA. Deste xeito, a cineasta Jaione Camborda recolle o testigo de Eloy Enciso, Oliver Laxe ou Lois Patiño e impartirá un obradoiro para o alumnado campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. A formación -que levará o nome de “Habitar un rostro / O xesto dun encontro” e se desenvolverá en varias sesións nos próximos meses de setembro, outubro e novembro– estará en todo momento supervisada e titorizada pola cineasta.

Neste obradoiro exploraremos a idea de retrato na súa acepción máis ampla. Buscaremos ir máis alá da representación do outro e apelaremos ao encontro, ao diálogo fílmico, á danza co outro. Deixaremos que a imaxe recolla e reflicta o pulso do cineasta e buscaremos a narrativa desde elementos máis formalistas que beben do cinema de autor documental e do experimental. Achegarse, tensionar, respectar, invadir, dilatar, contraer, respirar, tremer, celebrar…, o cinema como materia viva que expresa o xesto do autor e a súa relación co filmado.

OBXECTIVOS
// Explorar o xesto cinematográfico, a pegada da mirada.
// Tomar conciencia sobre as decisións éticas e estéticas do alumnado nas súas propostas.
// Practicar o traballo en grupo, o intercambio, a discusión e as dinámicas de exploración colectivas como ferramentas imprescindibles no cinema e na descuberta artística.

INFORMACIÓN BÁSICA
// Duración: 24 horas presenciais e titorías en liña
// Número de sesións: catro
// Datas: 13 e 30 de setembro / 18 de outubro / 22 de novembro
// Horario: de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h
// Espazo: Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus A Xunqueira, s/n)

PROGRAMA DO OBRADOIRO
13 de setembro/ Conceptos básicos e fontes estéticas (I). Horario: 10.00-14.00h
20 de setembro/ Conceptos básicos e fontes estéticas (II). Horario: 10.00-14.00h
18 de outubro/ Primeira proxección e análise dos proxectos. Horario: 10.00-14.00h e 16.00-20.00h
22 de novembro/ Revisión das pezas e asesoramento cara a unha montaxe final. Horario: 10.00-14.00h e 16.00-20.00h
11 de decembro/ Exhibición pública das pezas realizadas durante o obradoiro

O equipo de “Novos Cinemas” seleccionará a dez aspirantes. As persoas interesadas cumprimentarán a seguinte: FICHA DE INSCRICIÓN Obradoiro Jaione Camborda. O período de selección terá lugar entre os días 25 de xullo e o 01 de setembro. O 5 de setembro publicarase a listaxe das persoas seleccionadas.

Entre o 5 e o 7 de setembro, o estudantado confirmará a súa participación mediante correo electrónico (co asunto <<OBRADOIRO DE CINEMA CON JAIONE CAMBORDA>>) ao seguinte enderezo vic.pon@uvigo.es (achegaranse os seguintes datos: nome e apelidos, grao e curso e copia dixital do D.N.I)

 *Tras confirmar a súa participación, o estudantado comprométese formalmente a asistir a todas as sesións presenciais do obradoiro. No caso de incumprir con ese precepto, o alumno ou alumna perderá, automáticamente, a súa condición de bolseiro ou bolseira.

As pezas resultantes deberán incluir sempre e nun cartón inicial o logo do obradoiro facilitado pola equipa de Novos Cinemas.


BIOGRAFÍA Jaione Camborda Coll

(Donostia/San Sebastián, 1983). Tras rematar os seus estudos cinematográficos na prestixiosa Escola de Cinema de Praga (–FAMU) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF) trasládase a Galiza, onde funda Esnatu Zinema, produtora coa que desenvolve un reputado traballo como directora de pezas experimentais rodadas en celuloide. Nestes proxectos opta polo Super 8 ao confiar na materialidade do formato e nas posibilidades estético-líricas que lle ofrece . Partindo dun enfoque etnográfico, a súa obra reflexiona sobre a relación do ser humano co animal, sobre a violencia e sobre o atavismo.

Camborda colabora como guionista e directora de arte en numerosos filmes como Los fenómenos (2014), Las altas presiones (2015) ou Tempo vertical (2017), entre outros. En 2019 produce, escribe e dirixe a súa primeira longametraxe, Arima, pendente de estrear. Os seus filmes exhibíronse en máis de corenta festivais e acadaron numerosos premios. Jaione deseñou e realizou as cabeceiras da Edición 12 do festival Punto de Vista e da Edición 02 de Novos Cinemas.

jaionecamborda.com

FILMOGRAFÍA
Arima (España | 2019 | Longametraxe | Posprodución)–Festival de Gijón (Premio DCP DELUXE Work-in-Progress)
Rapa das bestas (España | 2017 | 10 min | Super 8 | B/n)–L’Alternativa (Premio Fílmico Crater-Lab/Premio GAC)
_ Proba de axilidade (España | 2015 | 4 min | Super 8 | B/n)
Nimbos (España | 2015 | 1 h 30 min | Super 8 | B/n)
Lilit (España | 2015 | 1 min | Super 8 | B/n)
Cabeceira novos cinemas 02 (España | 2017 | 50 s | Super 8 | B/n)
Cabeceira punto de vista 12 (España | 2018 | 34 s | Super 8 | C)

CATEGORIES

Uncategorised