Palmarés Novos Cinemas 03

O Xurado Internacional da Edición 03 de Novos Cinemas, formado por Paula Astorga, Manolo González e Eloy Domínguez Serén, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgan o Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial a SUBURBAN BIRDS, de QUI SHENG, por ser unha exploración audaz e luminosa, que retrata de xeito fascinante a transformación social, cultural e identitaria dunha sociedade a través da súa transfiguración urbanística. Un filme sobre a modulación como proceso de busca do eu, o desencanto e o afundimento dun país dende os seus propios cimentos. Un magnífico exercicio de dirección, unha película emotiva, intelixente e agridoce na que os devezos de infancia colapsan nun presente incerto.

O xurado tamén decidiu outorgar unha mención especial a UN VIOLENTO DESEXO DE LEDICIA, de Clément Schneider, unha oda á liberdade e unha lúcida reflexión do pasado dende o presente, un exercicio cinematográfico sobreio e maduro, brillante, dunha contemporaneidade prodixiosa.

O Xurado Novo da Edición 03 de Novos Cinemas, formado por Ricardo Araújo Gil, Amy Margaret Egan, Pedro Ignacio Ferrari, Ángela Hernández González e Noemí Parga Iglesias, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgan o Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial a VIRGIL VERNIER por Sophia Antipolis, por desmitificar a sociedade contemporánea a través dun estilo ácedo e elegante e por evidenciar a nosa violencia individual e colectiva de forma sorprendente.

O Xurado de Latexos da Edición 03 de Novos Cinemas, formado por Violeta Kovacsics, José Manuel López e Ramon Rey despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgan o Premio Especial NUMAX Sección Latexos a YOUNG & BEAUTIFUL, de Marina Lameiro, polo seu retrato da intimidade, cuxas imaxes de extraordinaria inmediatez logran capturar, dende a suxerencia e o fóra de campo, o baleiro da situación social e a estupefacción á que se enfronta unha xeración.

Premio do PÚBLICO Cinemas de Galicia -en colaboración coa AGADIC-, outorgado polos asistentes ao festival, é para TRINTA LUMES, de Diana Toucedo.

CATEGORÍAS