Novos Cinemas presenta a súa Edición 03 coa estrea de 13 filmes inéditos en Galicia, encontros, formación para todos os públicos e concertos

Esta mañá presentouse a Edición 03 de Novos Cinemas no Museo de Pontevedra baixo a presenza de Carmen Fouces -Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra-, Jorge Soto -Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo-, Xosé Leal -Deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra-, Jacobo Sutil -director da AGADIC-, Ángel Santos e Daniel Froiz, membros da dirección de Novos Cinemas.

Jacobo Sutil falou arredor da “importancia dos festivais dentro do sector audiovisual en Galicia e a presenza de cineastas galegos dentro da programación de Novos Cinemas”. Ademais, o director da AGADIC, anunciou que proximamente os filmes do CGAI poderán verse tamén programados en Pontevedra, tal e como xa sucede en cidades como Lugo, Vigo e Ourense. Jorge Soto, apuntou que a súa intención é “contribuír dende a Universidade de Vigo a facer de Novos Cinemas un festival cada vez máis grande, máis de Pontevedra e máis internacional ao mesmo tempo” e Xosé Leal quixo destacar a labor formativa dos festivais, especialmente a de Novos Cinemas xa que “o carácter internacional deste evento permite que nos nutramos do que se fai fóra e que a xente de fóra vexa tamén o que se fai no país”. Con esta idea concordou Carmen Fouces, ao calificar a Pontevedra como o lugar idóneo para a celebración do evento e a “Novos Cinemas como referente do que se fai no cinema contemporáneo”.

Novos Cinemas 03: programación

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra cambia nesta ocasión de datas pensando no público. Así o contou Daniel Froiz, director executivo do certame, ao apuntar que “Novos Cinemas vai máis alá das datas do festival e o seu traballo se desenvolve ao longo de todo o ano a través de #AULA, o programa formativo do festival que coordina Suso Novás”. Estas actividades realízanse artellando diversas proxeccións en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe – CGAI, a Sala Ingávida do Porriño ou Numax e tamén da man de proxectos internacionais como CinEd e Cinema en curs.

Ángel Santos -director artístico de Novos Cinemas- quixo debullar a programación que a organización ten preparada para o público pontevedrés nunha semana na que “contaremos con case 15 filmes na competición oficial dos que 13 son estreas en Galicia”.

O festival dará comezo o próximo martes coa proxección de a proxección de Apuntes para una película de atracos, o último filme do cineasta Elías León Siminiani, como antesala da súa chegada ás salas de cine galegas. Ademais, o festival continuará xirando arredor do seu eixo principal: os primeiros e segundos filmes de cineastas procedentes de todo o mundo, pero tamén cun oco especial para o noso audiovisual. Cineastas como Jaione Camborda, Eloy Domínguez, Eloy Enciso, Diana Toucedo formarán parte da programación e visitarán a cidade para proxectar ou conversar arredor das súas últimas obras.

O festival porá esta vez o foco sobre o traballo dunha das cineastas máis carismáticas –e atrevémonos a dicir, case descoñecidas– do cinema europeo contemporáneo adicándolle unha retrospectiva á lisboeta Teresa Villaverde. Ademais, tamén haberá espazo para o asesoramento e desenvolvemento de proxectos, nesta edición cun #LAB protagonizado polos últimos traballos de Ángel Filgueira, Alberto Martín Menacho, Andrés Sanjurjo, Malena Solarz. Ademais disto, tres cineastas galegos que se atopan en proceso de desenvolvemento dos seus novos proxectos –Luis Bértolo, Toño Chouza e Anxos Fazáns–, participarán nas Consultas Abertas e outras actividades do #LAB e #Encontros do festival en calidade de convidados especiais.

Como broche final e para as #NOITES desta terceira edición, o festival artellará en colaboración coa Sala Karma unha programación musical que aglutinará propostas moi variadas: pinchada do Galician Bizarre, concertos de bandas como Selvática, Pantano, Trompas de Farlopio, Glitter & Litter, Esposa, Disco Las Palmeras! ou Rayotaser.

Podedes descargar a programación completa do festival AQUÍ.

Apoios fundamentais

O festival Novos Cinemas é un evento organizado pola asociación Novos Cinemas e Matriuska e que conta co apoio de institucións coma o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Axencia Galega das Industrias Culturais -AGADIC- e a Universidade de Vigo a través da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra; e o patrocinio das empresas privadas Galicia Calidade, Sabora, Marqués de Vizhoja, Froiz, Hotel Galicia Palace, Numax. Ademais, para que o evento poida levarse a cabo tamén resulta fundamental a colaboración de Iconweb, Ticketea, Hotel Rúas, Hotel Virgen del Camino, Vermú Petroni, El cafetín, Liceo Casino de Pontevedra e Sala Karma; de entidades e asociacións como a Portugal Film, CGAI, Cinemateca Portuguesa Museu do Cinema, CinEd, Cinema en curs, Taller abierto – gestión cultural, CREA; e de medios de comunicación como a CRTVG, A Cuarta Parede e Caiman Cuadernos de Cine.

CATEGORÍAS