Iniciamos a venda de abonos para asistir ao festival cunha oferta especial durante este Culturgal

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra inicia hoxe a súa venda de entradas e abonos para asistir á terceira edición do festival, que se desenvolverá entre os próximos 11 e 16 de decembro en Pontevedra. Os abonos pódense conseguir xa a través de Ticketea e, ata o próximo domingo 2 de decembro, todas as persoas que os adquiran poderán facelo a metade de prezo (7,5 euros fronte aos 15 euros habituais) nunha oferta especial deseñada pola organización para este Culturgal. Para poder gozar do desconto só tedes que introducir o código BONO50 antes de finalizar a compra.

Novos Cinemas estará presente este venres, sábado e domingo na Feira Galega das Industrias Culturais no stand do Concello de Pontevedra para achegarlle de primeira man a todos os asistentes as novidades que a organización ten preparadas para esta edición. Ademais, este sábado 1 de decembro ás 12h30 no mesmo stand, Ángel Santos -director artístico- e Suso Novás -director de formación- farán unha pequena presentación pública deste Novos Cinemas 03.

Abonos e entradas

O abono de proxeccións dá acceso a todas as sesións programadas no Teatro Principal, que inclúe a asistencia aos nove filmes que compoñen a Sección Oficial a concurso, tres das proxeccións correspondentes á ‘Retrospectiva Teresa Villaverde‘ –O termómetro de Galileu, Os Mutantes e Colo– e ‘Por primeira ou última vez‘ -proxección de Dublineses de John Huston + clase maxistral de José Manuel López-.

As sesións programadas no Teatro Principal terán un custe individual de 3 euros e os abonos de proxección un prezo de 15 euros. Alén disto, a proxección de O malvado raposo feroz dentro +Novos terá un prezo especial de 2€ para os menores, e 3€ para adultos. O resto das sesións do festival serán de carácter gratuíto.

Xa é posible adquirir tanto as entradas coma os abonos a través de Ticketea. A partir do próximo martes 4 de decembro tamén se habilitará un punto de venda física de abonos e entradas na Casa da Luz de Pontevedra e, durante o festival, quen o desexe poderá adquirir entradas para as proxeccións a partir dunha hora antes do seu inicio no despacho de billetes do Teatro Principal.

CATEGORIES

Uncategorised