Elías León Simininani inaugurará esta edición de Novos Cinemas con ‘Apuntes para una película de atracos’

A terceira edición de Novos Cinemas – Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre o 11 e o 16 de decembro, acollerá na súa inauguración a proxección de Apuntes para una película de atracos, o último filme do cineasta Elías León Siminiani, como antesala da súa chegada ás salas de cine galegas. Ademais, todo o público interesado poderá asistir tamén a unha clase maxistral gratuíta que o propio Siminiani ofrecerá ao día seguinte -mércores 12 na Casa das Campás de Pontevedra- para desglosar o proceso de rodaxe dun filme así. Nel cóntase a historia de Elías, un director de cine que soñaba con facer unha película de atracos. Durante o verán de 2013 o protagonista le unha noticia sobre a detención de “O  Robin Hood de Vallecas”, o líder de “la banda de las alcantarillas” sentindo entón que atopou a oportunidade para cumprir o seu soño e mandándolle unha carta ao cárcere onde cumpre condena. Contra todo prognóstico, Elías recibe resposta tres semanas despois: o Robin Hood acepta que vaia ao cárcere para visitarlo.

Siminiani (Santander, 1971), que acadou con este filme o Premio Abycine Indie 2018 e estivo presente en festivais como San Sebastián ou a Seminci, conta cunha traxectoria na que destacan pezas de ficción como Dos más (2001), Premio do Público Versión Española; Archipiélago (2003), finalista do Latino Filmmakers Showcase 04 de Sundance Channel; e Ludoterapia (2007), mellor curta en Europa Cinema 2007. Na non ficción, destacan os catro microdocumentais da serie Conceptos clave del mundo moderno, que se alzaron con máis de cen galardóns internacionais. En 2011 estreou unha nova curta de ficción titulada El premio, sendo nominado por ela aos Premios Goya 2012. Mapa, a súa primeira longametraxe tamén foi finalista na categoría de Mellor Documental nos Goya 2013.

CATEGORÍAS